A REQUINTA

Esta denominación corresponde a un tipo moi particular de frautas traveseiras que aparecen só no val que forma a parte media do río Ulla, nos concellos de Silleda, Boqueixón, Padrón, Teo, Touro, Vedra, Vila de Cruces e A Estrada.


Información Xeral

A requinta é unha frauta traveseira que segue o modelo clásico francés, de cinco pezas e unha chave. Fabrícase normalmente en madeira de buxo malia que moi esporadicamente tamén se fan noutras madeiras como o ébano ou mesmo a hedra. Os fabricantes son sempre locais, o máis importante foi, durante os séculos XIX e XX, o taller de García de Riobó (A Estrada). Modernamente, destaca o obradoiro de Oli Xiráldez (Balcaide-Teo, A Coruña), o do propio autor en Santiago de Compostela, e tamén Carlos Rodríguez Feijóo “CROF” (Berres, A Estrada) que ten fabricado algunha destas frautas.


Partes ou Seccións

As cinco seccións que compoñen unha requinta reciben na Ulla o nome de pechos: o primeiro pecho, pecho dos beizos ou embocadura, contén o furado para soprar e, na súa parte proximal, un tapón de madeira e cortiza que mediante un parafuso permite regular a distancia entre o furado de soprar e o tapón. O seu interior é sempre cilíndrico de 16 mm de diámetro. O segundo pecho ou barrilete contén o mecanismo de tubos do que xa falamos e que permite afinar a requinta con precisión; é tamén cilíndrico interiormente e mantén os 16 mm de diámetro da embocadura. O terceiro pecho contén os tres furados tonais proximais e o cuarto pecho os tres furados tonais distais; ambos son cónicos no seu interior diminuíndo o diámetro cara á parte distal. No quinto pecho ou pecho da clave, disponse unha chave (a clave) que manexa o sétimo e máis distal furado tonal; a súa conicidade interna está invertida e aumenta de diámetro cara a parte distal. Estas cinco seccións empátanse mediante un sistema de espigos e os empates van ornamentados sempre con aneis de metal.


Peculiaridades das agrupacións que usan a Requinta

As requintas empréganse para tocar coas gaitas de fol integradas en grupos que reciben o nome de “gaitas” ou “requintas”, compostos dunha ou dúas requintas que acompañan a unha ou dúas gaitas de fol. Nestas agrupacións a requinta toca sempre no rexistro agudo, empregando a parte superior da segunda oitava e a inferior da terceira, o que lle permite igualar con facilidade, e mesmo superar, o volume dunha gaita de fol. Quizais deste xeito de tocar veña o seu nome, pois os gaiteiros refírense ao uso da oitava máis aguda da gaita como “requintear”. As gaitas de folcoas que tocan as requintas están normalmente afinadas en Si natural, pois a requinta o está en Fa#. Máis raramente aparecen requintas en Sol para tocar con gaitas en Do.

Deste xeito, as particularidades que diferencian a unha requinta dunha frauta clásica en Re son: a súa afinación en Fa#, o xeito de ser tocada exclusivamente no rexistro agudo, a súa conicidade interna e sobre todo a súa relación de simbiose coas gaitas de fol da que xorde un repertorio propio e característico e unha técnica particular.


Desenvolvemento do instrumento

Trátase dun desenvolvemento propio do val do río Ulla realizado no taller de García de Riobó (A Estrada) posiblemente a mediados do século XIX. A primeira vez que aparece mencionada esta palabra é no dicionario de Marcial Valladares (1884) que a define como: “travesera, ó flauta pequeña, de una sola llave”. Lembremos que Marcial Valladares era da Estrada (Pontevedra), concello onde naceu esta frauta.

Na zona da Ulla as requintas foron e son consideradas como instrumentos musicais propiamente ditos; instrumentos e instrumentistas téñense en moi grande estima e consideración, sorprendentemente tanto ou máis incluso que os gaiteiros. Por outra parte, cabe salientar que foi un instrumento totalmente masculino.


Podedes descargar a versión pdf pinchando aquí.

Comentarios

Publicacións populares