O TAMBOR GALEGO

Características do Instrumento

O tambor galego é un instrumento chato, no que a altura da caixa non supera nunca o diámetro da mesma. Esta caixa fabrícase de diversas madeiras (nogueira, cerdeira, piñeiro, castiñeiro etc.) dobrando unha táboa duns 5 mm de grosor que é reforzada internamente con dous ariños na súa parte superior e inferior, malia que é posible que antigamente se fabricasen tamén baleirando troncos de árbores.

A corda enlaza os bozos formando un zigzag de xeito que, en vertical, apréciase unha forma de V. No vértice de cada unha destas V sitúase un zuncho, unha peza de coiro que xungue dúas cordas e que permite tensalas ao desprazarse cara ao extremo oposto.

Os tambores aparecen por veces pintados de azul (os aros) e branco (a caixa), azul (caixa) e colorado (aros), tintados de cores escuras e, máis raramente, doutras cores como o amarelo e o vermello, tendo a maior parte das veces a cor propia da súa madeira.

O tambor galego que acompaña á gaita de fol vai sempre equipado con bordóns normalmente na pel inferior, malia que tamén hai moitos exemplos de tambores que os levan nas dúas peles e incluso aparecen estes nas iconografías, caso do representado na capela da Casa Grande de Ronsende (Sober, Lugo). Os bordóns son cordeliños que atravesan a superficie da pel diametralmente, pasando a través duns furadiños no aro e situándose en íntimo contacto con ela. Fabrícanse normalmente de tripa, de diferentes tipos de cordeis, de tiras de pel ou mesmo con cordas entorchadas de instrumentos de corda. Preséntanse adoito en número de dous sobre a pel que os leva e parten dun pequeno mecanismo cun parafuso que permite tensalos para acadar o son desexado.



Información Xeral


O tambor faise soar batendo na súa pel superior con dous paus de madeira duns 35-40 cm de longo e 15-20 mm de groso na súa parte posterior, que diminúen progresivamente de grosor cara a punta ata os 8-10 mm. Deste xeito os paus teñen forma de cono estreito e longo que remata nun engrosamento final en forma de oliva, que é o que bate na pel do tambor.

Os paus fabrícanse no torno empregando normalmente madeira de buxo, pero tamén se usaron outras madeiras duras e pesadas como a oliveira ou, actualmente, madeiras tropicais como o ébano, granadillo, pau violeta etc. De xeito paralelo á diminución no tamaño dos tambores, tamén os paus diminuíron a súa lonxitude e grosor, sobre todo na oliva final, de xeito que o son do tambor trocou considerablemente ao longo do século XX pasando dun son voluminoso, grave, retumbante e abordoado para outro moito máis agudo, opaco, sen bordón e de moito menos volume.

O tambor tócase coas peles en posición case horizontal, lixeiramente inclinadas cara á parte esquerda do tocador. Agora pendúrase da cintura do músico (chamado tamboriteiro ou tamborileiro) mediante un ferro plano, dobrado en ángulo agudo, acolado á caixa do tambor e que se introduce dentro da cintura do pantalón ou a faixa.

A técnica de execución do tambor galego é rica e inclúe redobres abertos e pechados, golpes sobre os aros e cunha baqueta sobre a outra, contratempos á melodía etc. Os tamboriteiros e gaiteiros consultados ao respecto coinciden en que o tambor debe “cantar” a melodía da gaita de fol, é dicir, debe imitar os debuxos melódicos e rítmicos desta dentro das súas posibilidades.


Historia


En opinión do profesor Sachs, a etimoloxía da palabra tambor poderiámola buscar xa en tempos babilónicos (aprox. no III milenio a.C.) cando certos pequenos tambores de marco que as mulleres tocaban directamente coas mans parece que recibían o nome sumerio de balag-di; o equivalente en lingua acadia deste termo sería timbutuou tibbu. A mesma raíz deste nome acadio volve aparecer na lingua tamil, na que o substantivo empregado para se referir ao tambor é tambattam. Corominas (1954) defende a teoría de que o termo castelán tambor procede do persa tabîr, palabra que se modificou ao pasar ao árabe, onde debeu de confundirse co nome dun instrumento de corda denominado tanbûr (con tampa harmónica de pel). As palabras antigas castelás son atambor e atamor que aparecen primeiramente documentadas no Poema de mío Cid (s. XII) (vv. 696, 1658, 166, 2354) . En Portugal a voz tambor emprégase por primeira vez no “Diário da Viagem de Vasco da Gama” do 1498. Pouco máis tarde, Miguel de Cervantes (1547-1616) emprega xa esta mesma voz (El Quijote, II, 36) pero alternándoa coa de atambor (Persiles, III, 12). No Diccionario de Autoridades (1732) aparece o instrumento co nome de atambor, explicando que se chama máis comunmente tambor. Xa en Galicia, nin atambor ou tambor, nin tabal ou atabal aparecen nos textos medievais escritos en galego, polo menos naqueles rexistrados no Tesouro Medieval Informatizado do Instituto da Lingua Galega. Si que puidemos documentar a voz atambor en Galicia no século XVI, como logo veremos,
pero en textos escritos en castelán.

Na Idade Media existía xa en Europa o tambor pero cunha grande variedade de formas, chatos e altos, con bordóns nas dúas peles ou só na de arriba. Todos os tambores medievais eran tensados con arrochos e cordas tendidas en zigzag, malia que algúns amosan un sistema diferente no que a mesma corda se entrelaza para permitir a tensión, como sucede aínda nos tambores de antroido de Vilariño de Conso (Ourense), os bombos da zona portuguesa do Fundão ou algúns tambores que aparecen nas fotografías galegas de finais do século XIX ou principios do XX. Curiosamente, moitos dos tambores medievais dos que temos novas na península ibérica tiñan un diámetro moi semellante á súa altura, característica que aínda se conserva nos nosos tambores tradicionais, mentres que no resto e Europa son frecuentes ostambores cunha altura moi superior ao diámetro da caixa.

Nas poucas representacións medievais nas que o tambor non aparece asociado á frauta de tres furados, segue a representarse pendurado dunha man pero agora percutido con dous paus. Este xeito de soster o tambor aparece no tríptico do nacemento de Santiago de Vilamaior do Val (s. XVII) de Verín onde un tamboriteiro de cor acompaña a un gaiteiro; tamén se ve nas fotografías que se conservan do gaiteiro Rilo de Betanzos (s. XIX), e aínda se conservou na zona norte da provincia da Coruña ata o día de hoxe, por canto é posible que o tambor que acompaña á gaita de fol en Galicia teña unha orixe dupla: os máis pequenos e pendurados do pulso do tocador poden proceder directamente do tambor asociado á frauta de tres furados, mentres que aqueles máis grandes, pendurados da cintura cun gancho ou ben do ombreiro do músico cunha correa a xeito de bandoleira, como aparece no da capela da Casa Grande de Rosende (Sober, Lugo), poderían proceder do tambor militar europeo.

Tamén debemos observar que en Galicia aparecen hoxe dúas denominacións diferentes para os tambores consideradas como sinónimos, pero que poderían indicar esta dupla procedencia: tambor e tamboril. A primeira fai referencia seguramente aos tambores grandes, descendentes dos militares; mentres que a segunda, en diminutivo, probablemente hérdase dos tambores máis pequenos que os tamboriteiros penduraban do seu brazo para acompañar a frauta. As dúas denominacións, tamboril e tambor (ou atambor e tamén atabal nos documentos máis antigos) aparecen nos contratos de músicos realizados polos concellos e confrarías para as diferentes celebracións e para o Corpo de Deus xa durante o século XVI, denominándose os músicos tamboriteiro, como aínda se fai na comarca da Fonsagrada, ou tamborileiro que é a máis frecuente no resto de Galicia. Nos lugares onde aínda se conserva a frauta e o tambor tocados pola mesma persoa, caso do Bierzo ou a Maragatería o músico recibe este mesmo nome: tamboriteiro.

Hai autores que opinan que o tambor de uso militar provén daquel asociado coa frauta de tres furados que foi un instrumento popular en toda a Europa medieval, máis ben de tamaño reducido, que no século XIII comeza a ser usado polos exércitos do oeste europeo, aumentando o seu tamaño, pero sen abandonar aínda a súa asociación coa frauta. Para Pierre Bec a orixe é outra: a estreita similitude entre o tambor militar medieval e o tablárabe, tocado con dous paus sobre a mesma pel, poderían indicar que o uso do tambor percutido con dous paus para o seu uso en eventos sociais foi introducido en Europa polos árabes a través da Península. A denominación máis antiga destes tambores como atabais (s. XIII-XIV) parece apoiar esta hipótese. Esta denominación aínda se conserva na lírica tradicional galega.

Outra voz, tabal, aparece en varios dicionarios galegos co significado de “barril de pino onde se prensan e gardan as sardiñas salgadas”, pero non é definido como instrumento musical.

Outros autores defenden que o tambor militar, dotado de bordóns, podería ter unha orixe diferente da destetambor empregado nos eventos sociais: puido ser introducido en Europa polas bandas do exército otomán que chegaron a Viena arredor do 1529 exercendo probablemente bastante influencia entre os construtores e tocadores de tambores suízos. Estas bandas empregaban o davul, un gran tambor con bordóns.

Sexa como for, o caso é que desde aproximadamente o século XIII o tambor formou parte de conxuntos militares nos que sempre aparece a carón de trompetas e anafís. As primeiras referencias ao tambor tocado deste xeito aparecen na Gran Conquista de Ultramar (c. 1291-1295): “Mandaron tañer las trompas é atabales que traian muchos” e pouco despois no Libro del Buen Amor (1330) do Arcipreste de Hita “Trompas e añafiles salen, con atabales”. Durante os séculos XIV e XV o tambor seguíu con este mesmo uso tendo unha das súas primeiras representacións detalladas no Sintagma Musicum (1614-1620) de Michael Praetorius. Tamén no tratado de Marin Mersenne, Harmonie Universelle, se representa un tambor militar totalmente idéntico ao empregado aínda en Galicia.

O tambor militar sempre foi tocado con dous paus e xa no século XVI o bordón se situaba debaixo da pel inferior, se ben aparecen representacións como a de Mersenne que amosan tamén tambores con dous bordóns, un en cada pel, morfoloxía que aínda aparecía en Galicia a principios do século XX asociada, iso si, sempre a pequenostambores. Os grandes tambores precisaban de paus pesados coas puntas grandes, razón pola que moitas iconografías medievais amosan paus con pesadas cabezas redondeadas que aínda se conservan en Galicia e Portugal, sobre todo nos grandes tambores de antroido das comarcas de Viana e Terras de Trives.

Durante todo o século XVI segue a haber abundantes novas que sitúan o tambor (agora xa denominado atambor) en mans de militares por toda Europa normalmente asociado coas trompetas. Galicia non é caso á parte e no ano 1566, durante as celebracións en Santiago de Compostela do nacemento da infanta Isabel Clara Eugenia, o cabido dispón “[...] que para el sábado, que es de mañana en ocho días, se hagan luminarias y regocixos a la noche y lumbreras a las ventanas y fuegos a las puertas, y por la misma noche se haga máscara (cabalgata) con cascabeles, atambores y ministriles, y que la Justicia y Regimiento y los caballeros de la cibdad salgan a caballo con cascabeles a regocixar la buena nueva [...]”. Polo visto os tocadores de atambor foron Nicolás de la Granda e un compañeiro seu, mentres que o trompeteiro foi un tal Guillén da Coruña. Neste marco no que os tamboresactúan en ocasións solemnes, Pérez Costanti cita un documento que relata a celebración das festas de Santiago de Compostela no ano 1632: “Y estando el testigo en lo alto de su casa ya dispuesto, bajó al zaguán y se puso de a caballo con su máscara puesta y con trompetas, atanbores, padrinos y ymbenciones, para hacer la entrada en la plaza del hospital”, un pouco máis adiante, no mesmo documento, cítase a presenza aquel día de “clarines y tambores”. No 1732 parece que o rexemento de Santiago de Compostela tiña un tambor ao que se lle pagaron 75 reais por tocar en todas as funcións e rogativas para celebrar a reconquista de Orán, onde tamén aparece mencionado un home que tocou o pífano durante a noite da máscara (cabalgata). No 1783, durante as celebracións do nacemento do fillo de Carlos III, a cabalgata ía precedida de diversas parellas moi ben vestidas acompañadas polo toque de “pitos y tambores”.

Segundo apunta Pérez Costanti a partir de 1567 mandou­se que a concesión de graos na universidade se fixese polo Cancelario (provisor do Arcebispado) na capela de D. Lope da Catedral. Dentro destes actos os graduados eran paseados pola cidade a pé ou a cabalo, segundo os casos, acompañados de trompetas, os ministrís da catedral e os timbaleiros da Universidade: “desde que se comienza el paseo, hasta que se acabe, y en el dar de los Grados de Maestro o Doctor, ha de haber música de chirimías y trompetas y atabales” (Claustro de 19 de xaneiro de 1568). No 1735 a cerimonia pasou a celebrarse na capela do colexio de Fonseca e o claustro dese ano estableceu “para los grados se lleven trompetas o clarines habiéndolos en la Ciudad o pudiendo hallarse cómodamente, para que además de los atabales, sea con toda pompa” neste claustro establécese tamén que as chirimías toquen xunto cos claríns e tambores e se non as houbese tocasen os pífanos cos tambores e claríns.

Chegados a este punto debemos chamar a atención sobre un feito: o tocador do tambor de orixe militar sempre é denominado tambor (ou atambor, tabal ou atabal) pero nunca recibe o nome de tamboriteiro ou tamborileiro.

Polo que vimos vendo parece que durante o XVII os tambores comezan a ser acompañados con frecuencia por outros instrumentos diferentes das trompetas tales como os claríns, chirimías e pífanos], porén, non hai datos que indiquen que antes deste século o tambor sen a frauta fose empregado na música popular galega como acompañante da gaita de fol. Seguramente os paisanos usaban nas súas festas e bailes a gaita de fol xunto con algún tipo de óboe e con toda seguridade empregaron o tambor e o pito (frauta de tres furados) só ou acompañando á gaita de fol como se amosa en algunhas iconografías galegas que pronto analizaremos. Deste xeito, é moi posible que as referencias más antigas de danzas gremiais nas que se cita o gaiteiro ou tamboriteirofagan referencia ao tocador de tambor e frauta que, lembremos, é denominada aínda gaita en moitas zonas da península, incluída Galicia. Un caso claro é, por exemplo, un documento do Corpo de Deus celebrado en Bouzas (Pontevedra) do ano 1631 onde a Confraría do Santísimo compromete a Juan Conde, veciño de San Martiño de Vilaboa “a tocar en el día y la víspera del Corpus del presente año [...] con su instrumento de gaita y tamboril”. O singular de “instrumento” indica claramente que Juan Conde tocaba simultaneamente o tamboril e a frauta, aquí denominada gaita. Debemos observar tamén que noutros documentos da época que xa vimos se fai mención aostambores que acompañaban ás trompetas como atambores ou atabales e non como tamboril. Outro caso semellante aparece referido por Pérez Costanti en Ourense nun documento do 1597 que recolle o contrato da Confraría de Santa María Madre con Antonio González “tamborileiro” para actuar de por vida no Corpo de Deus e na Pascua de Flores sen mencionar ningún outro instrumentista. Noutro contrato parecido, esta vez asinado en Noia no ano 1585, obrígase a Jácome Vidal a “tañer el instrumento de tamborín a esta villa en las fiestas del San Juan, por tiempo y espacio de seis año”, neste contrato actuou de fiador Juan de Rivas de Mar, gaiteiro veciño de Noia. Semella, xa que logo, que no século XVI moitas danzas gremiais eran acompañadas por tocadores defrauta e tambor denominados tamborileiros ou tamboriteiros.De finais do século XVI datan outras novas referidas por Pérez Costanti que mencionan claramente ao tamborileiro tocando xunto coa gaita de fol. Unha é un contrato de 1587 con Juan Pérez, gaiteiro e veciño de Santa María de Teo (nas ribeiras do Ulla) no que consta: “y además de venir con su persona ha de traer su gaita e un tamborín a su costa y la gaita e tamborín muy bueno e bien adereçado”. Outra son dous contratos outorgados polo concello da vila do Caramiñal en 1579 polo que se obriga a Juan de Tourís, gaiteiro, e a outro Juan de Tourís “el viejo, tamboriteyro”, veciños respectivamente de San Salvador de Taragoña e Santa Baia de Araño, a tocar nas festas do Corpo de Deus de Noia. Debemos salientar que en apuntamentos semellantes do cabido compostelán dos anos 1624 e 1644 non aparece mención algunha ao tambor, mentres que gaiteiro e ferreñeiro si aparecen detallados entre os músicos contratados. Estas mencións de tamborileiros a carón de gaiteiros teñen sido interpretadas, baseándose no estado actual da tradición galega, como gaiteiros acompañados de tambor, pero a realidade puido ser moi diferente e poderían referirse a tocadores de
pito e tambor que acompañaban a gaiteiros, pois as iconografías desta época así o indican claramente. A máis clara é desde logo a de San Martiño Pinario (Santiago de Compostela, 1647), pero tamén aparece esta parella na igrexa de Santa María de Meiraos (Folgoso do Courel, Lugo, 1614) e no cantoral de San Paio de Antealtares (Santiago de Compostela, s. XVIII) que amosamos no apartado correspondente ao pito etambor. No cadeirado do coro da catedral de Lugo aparecen as alegorías animais dun gaiteiro e un ferreñeiro dun lado, e dun tamboriteiro e un violinista do outro (6, 22). Estas tallas son de autores galegos e representan tocadores de pito e tambor a carón de gaiteiros. Este conxunto non ten nada de estraño, segundo nos informan os nosos amigos Luís Mondelo e Rafa Busto: no Bierzo e na Maragatería parece que o gaiteiro tocou xunto co instrumentista de frauta e tambor (o tamboriteiro) ata ben entrado o século XX, ficando incluso documentos fotográficos que vinculan a esta parella coas danzas. Deste xeito, colle a posibilidade de que a finais do século XVI gaiteiros e tocadores de frauta e tambor compartisen escenario e que esta asociación se mantivese durante todo o século XVII e XVIII, transformándose paulatinamente na parella de gaita de fol e tambor que chegou ata nós; as probas documentais así o indican tamén.

A primeira iconografía galega que coñecemos onde aparece a gaita de fol acompañada do tambor está nas tallas da sancristía da catedral de Tui, obra de Domingo Rodríguez, galego de Pazos de Borbén (Pontevedra), finalizada no 1715. Aquí aparecen representados un raposo tocando un corno, un gaiteiro e á dereita un mono tocando otambor. Non entanto, que o mono pete no tambor cun só pau podería deberse a que non se representou o outro pau, ou ben non se tallou a frauta, pero o detalle e realismo das tallas indica que é moi posible que a principios do XVIII algúns tamboriteiros acompañaran ao gaiteiro petando cun só pau no tambor, formando así un conxunto que está a medio camiño entre a gaita de fol e o tamboriteiro con frauta, e a gaita de fol acompañada polo tambortocado con dous paus. Por estraño que poda parecer, o tamboriteiro acompañando á gaita de fol cun tambor tocado cun só pau e sen frauta documéntase na Maragatería durante o século XX. Sexa como for, o caso é que a primeira referencia segura a un gaiteiro acompañado de tambor en Galicia aparece na xa referida cita de Frei Martín Sarmiento do 1746 no Coloquio de 24 gallegos rústicos. Desde aquela o tambor mantívose a carón da gaita de fol, e aparece en iconografías posteriores como os frescos da capela da Casa grande de Ronsende (Sober, Lugo), pintados no 1816 por Juan Bernardo Pérez de Castinandi e agora destruídos polo lume, que amosaban dous anxos: un tocando unha gaita de fol e outro un tambor pendurado dunha correa e con bordóns na pel superior. No século XIX a parella de gaita de fol e tambor aparece xa perfectamente establecida en Galicia e representada con moita frecuencia.

Deste xeito, é probable que fose durante o século XVIII cando o tambor pasou a acompañar ás gaitas de fol na nosa música tradicional, se ben a gaita de fol soa ou as parellas de gaita de fol e tambor compartisen durante algún tempo (quizais máis dun século) a escena co tocador de pito e tambor ata que esta modalidade de acompañamento das danzas acabou por extinguirse nun momento difícil de determinar e que a ben seguro debeu de variar moito dependendo do illamento da zona.

Resumindo, se ben non podemos descartar que o tambor que acompaña á gaita de fol galega teña unha dobre orixe no tambor militar (os máis grandes), e nos tamboriteiros (os máis pequenos e pendurados do pulso), nós inclinámonos a pensar que a primeira vez que un tambor tocou en Galicia ao pé dunha gaita de fol foi por asociación co músico de pito e tamboril (o tamboriteiro ou tamborileiro) quen máis tarde abandonou a frauta. Quizais despois de establecida esta parella foi cando os grandes tambores militares comezaron a empregarse para acompañar á gaita de fol, manténdose así ata os nosos días. Pero esta parella non deixou de pasar por algún que outro avatar. Vexamos agora esta outra parte da historia.

O tambor penetrou na música culta primeiramente nas bandas militares a principios do século XVIII, e non foi ata 1779 cando Christoph Gluck (1714-1787) introducíu por primeira vez o tambor na súa obra Eco e Narciso . A partir de aí o seu uso xeneralizouse, pero pronto foi substituído pola caixa de aros metálicos tensada con parafusos. Na segunda metade do século XIX as bandas populares comezaron a ter forza en Galicia, pero non tocaban o tambor senón esta caixa, de xeito que no ambiente rural o tambor foi sendo substituído por este novo instrumento, fenómeno que aconteceu en case toda Galicia excepto nas montañas dos Ancares e nalgúns concellos das mariñas luguesas, onde os gaiteiros continuaron acompañándose do instrumento de madeira e pel ao longo case todo o século XX.

Posto que foi compañeiro inseparable da gaita de fol durante dous séculos polo menos, a lírica tradicional menciona adoito este instrumento

A corrente folclórica galega, comezada polo grupo coral Aires da Terra a finais do século XIX, foi continuada e popularizada a partir dos anos 1920 polo sonadísimo grupo de gaiteiros de Soutelo de Montes liderado polo gaiteiro Avelino Cachafeiro. Este grupo mantivo e estendeu de novo entre os grupos de gaiteiros que foron aparecendo á súa imaxe e semellanza, o uso do tambor como acompañante da gaita de fol, sendo hoxe máis frecuente de novo o uso deste instrumento que o da caixa, polo menos entre os grupos folclóricos, pois os gaiteiros tradicionais seguen a preferir a caixa, que, por certo, está agora mesmo recobrando forzas outra vez entre os grupos folclóricos.

Nos Ancares aínda o tambor conserva unha certa relación coa mística e a maxia: escoitar tocar un tambor preto da casa é o aviso de morte máis frecuente, é ao que lle chaman tambor de morte.

No sistema de cultura tradicional galego o tambor foi sempre un instrumento musical propiamente dito e netamente masculino, situación que non mudou ata aproximadamente os anos 1970 cando a muller comezou tamén a tocalo. Desde antigo foi un costume moi enraizado o de meter os nenos que lles gustaba a música a tamborileiros. Desta situación quédannos multitude de documentos, sobre todo fotográficos, e tamén algún dito:O que queira ter un fillo pillo, que o meta a tambor ou a monaguillo.

Tambor e tamboriteiro gozaron e gozan dunha grande consideración dentro da música tradicional galega, de xeito que os bos instrumentistas eran e son moi apreciados tanto polos gaiteiros como polos bailadores e resto de público interesado na música. Con todo, e pese á súa consideración como instrumento musical propiamente dito, o pobo confirma a situación do tambor dentro dos útiles ruidosos; lembremos senón as partituras dos Trintas de Trives onde caixa e bombo se indican como “ruído”.



Para obter esta información pdf, pinche aquí.

Comentarios

Publicacións populares