O BOMBO GALEGO
Información Xeral
Dentro do noso sistema de cultura tradicional o bombo é considerado un instrumento musical propiamente dito, pero desde logo non o é tanto como outros que teñen o don da melodía. A consideración social do instrumentista foi normalmente inferior á do tamborileiro, quizais debido á maior facilidade con que se aprende a tocar. É un instrumento que aparece sempre asociado ás gaitas de fol e foi fundamentalmente masculino, tocado por homes e nenos. Coma no caso do tambor, moitos nenos e rapaces interesados na música comezaron a súa integración nos grupos de gaiteiros da man deste instrumento.
Características do Instrumento
O instrumento musical que en Galicia se denomina bombo é un tambor chato, cun diámetro de caixa de entre 60 e 90 cm, que foi decrecendo co paso do tempo, e unha altura duns 25-30 cm. Fabrícase integramente en madeira dun xeito semellante ao que xa describimos para os tambores que acompañan ás gaitas de fol.
Como os tambores tradicionais, algúns bombos aparecen pintados de azul e branco, azul e vermello ou marelo e encarnado, e é moi frecuente nos grupos folclóricos que a pel que non é batida coa maza estea ricamente ornamentada, ben co nome do grupo e algunha filigrana, ben con escenas costumistas.

Historia
Xunto co tambor formou parte do acompañamento dos gaiteiros solistas nalgunhas zonas de Galicia, malia ser descoñecido neste uso noutras zonas, sobre todo naquelas máis arcaizantes, motivo polo que podemos dicir que seguramente se incorporou ao gaiteiro solista con posterioridade ao tambor. Os bombos forman parte imprescindible dos cuartetos tradicionais formados por gaita de fol, clarinete, caixa e bombo; dos grupos de requinteiros da Ulla formados por unha ou dúas gaitas de fol acompañadas de unha ou dúas requintas con caixa ebombo, así como dos cuartetos de gaita que se popularizaron a partir de principios do século XX, integrados por dúas gaitas de fol, tambor ou caixa e bombo. A súa función tradicional dentro de todas estas agrupacións é remarcar o pulso da melodía.
Segundo James Blades o tambor que os galegos denominamos bombo (o bass drum) parece ter tido pouco protagonismo en Europa na Idade Media ou no Renacemento, aínda que parece que se coñecía
no Oriente Medio desde tempos remotos, pois foi empregado polos sumerios e probablemente tamén polos gregos antigos. O bombo foi usado no Oriente Próximo durante toda a Idade Media e segue a selo hoxe en día. San Isidoro de Sevilla nas súas Etimologiae (c. 600 d.C.) describe un tambor coñecido co nome de symphonia como unha madeira escavada, cuberta con pel polos dous lados e que os músicos tocan en ambas as caras empregando uns paus. Blades considera que puidera tratarse dun bombo, pero outros autores opinan que máis ben puidera ser unha especie de darabukka con peles nos dous extremos como as que aparecen representadas nas iluminacións das Cantigas de Santa María (s. XIII). O caso é que as primeiras referencias seguras que existen a un bombo en Europa son unha pintura de Tiziano (c. 1477-1576), a Alegoría da Victoria de Lepanto, conservada no museo del Prado, que amosa entre os símbolos otománs da media lúa un gran tambor, de pouca profundidade (comparada co diámetro dos parches), que é golpeado con senllas mazas. As peles aparecen tendidas por dous aros, un deles atravesado por unha corda que se dispón en zigzag. A outra iconografía é unha pintura de Vittore Carpaccio (1460-1525) que amosa un músico turco tocando un bombo chato, grande, con dúas peles tensadas por un entrelazado de cordas en zigzag e sostido verticalmente, o músico bate nunha das peles empregando dous paus, exactamente igual a como se segue a facer hoxe nos tambores de antroido de Vilariño de Conso. De aquí ata a súa aparición xeneralizada nas bandas de música e orquestras de finais do XVIII, só se conserva outra evidencia do seu uso en Europa nun gravado alemán de mediados do século XVI. Deste xeito, é moi posible que fosen as orquestras turcas do imperio otomán as que introducisen en Europa o instrumento que hoxe coñecemos como bombo. A partir de aí, foron as bandas populares, que comezaron a operar en Galicia na segunda metade do século XIX, as responsables da introdución do bombo na nosa música tradicional; así e todo, debemos dicir que aínda que tamén a caixa se introduciu desde as bandas populares, o bombo fíxoo bastante antes, pois xa a finais do século XIX aparecen multitude de documentos fotográficos que amosan ao bombo en compaña do tambor acompañando os gaiteiros. Tamén debemos aclarar que outros instrumentos galegos como os tambores de antroido ou os bombos de mallada, pese á súa aparente similitude cos bombos non están emparentados con eles e son, con seguridade, moito máis antigos na nosa cultura, pois o seu sistema de construción a partir de troncos
de árbore baleirados, así como os xeitos de tensado das peles, os tipos de maza etc., así o indican.
É frecuente pensar que o fenómeno da substitución do tambor pola caixa de metal e parafusos, provinte das bandas populares, afectou tamén ao bombo, pois durante todo o século XX documéntanse en Galicia grupos de gaiteiros que empregaron bombos con caixas e aros de metal tensados por medio de parafusos, bombos que se consideran máis modernos que os tensados por medio de cordas nos ambientes folclóricos. Pero isto non é nada seguro. Se os primeiros bombos que se usaron ao pé da gaita de fol se importaron das bandas populares e nestas os bombos eran de parafusos, é posible que despois da súa introdución e popularización entre os músicos tradicionais comezase a existir unha fabricación local pero empregando cordas en vez de parafusos, como no tambor. Deste xeito, é posible que o bombo de parafusos sexa máis antigo na nosa música tradicional que o de cordas.
Para descargar esta información PDF, pinche aquí.

Comentarios
Publicar un comentario